- Acompañado pola Conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, o presidente da Xunta de Galicia descubriu, da man de Pablo Fernández Castro, presidente da empresa enerxética, a aposta de futuro da compañía para os próximos anos.
- O Plan tecnolóxico e industrial de Norvento Enerxía, con horizonte 2026, implementará uns investimentos de 521 millóns de euros e a xeración de máis de 5.700 postos de traballo directos, indirectos e inducidos.
- A empresa construirá unha nova fábrica autosuficiente e cero emisións en Lugo, declarada pola Xunta de Galicia “Proxecto Empresarial Singular”, e un edificio que producirá hidróxeno verde nas inmediacións da súa sede Cinema.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto á conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitaron hoxe o Centro de Innovación Norvento Enerxía -CIne-, sede da compañía en Lugo, onde puideron coñecer de primeira man a aposta de futuro da empresa enerxética galega para os próximos anos.
Da man do presidente de Norvento, Pablo Fernández Castro, e acompañados pola vicepresidenta de Norvento, Marta Fernández Castro, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, o máximo responsable do executivo galego e a cabeza de Economía, Industria e Innovación, percorreron as diferentes instalacións da sede Cinema da compañía. Así mesmo, visitaron o edificio de xeración anexo, que formando unha microrred, abastece as instalacións de Norvento con enerxía 100% renovable, permitíndolles ser completamente autosuficientes.
Alfonso Rueda e María Jesús Lorenzana puideron coñecer tamén o interior dun aeroxerador nED100 e dous convertidores electrónicos de potencia nGM50 e nGM200, tecnoloxía propia que Norvento deseña e produce na súa fábrica de Villalba (Lugo), e que simbolizan a firme aposta da compañía polo desenvolvemento de equipos e solucións que favorezan, desde Galicia, a independencia enerxética e tecnolóxica.
Un proxecto galego clave con repercusión nacional
Durante a visita, Pablo Fernández Castro tivo ocasión de explicar en detalle a Alfonso Rueda o proxecto de investimento que a compañía ten previsto poñer en marcha con horizonte 2026. Trátase dun completo Plan tecnolóxico e industrial que ratifica o compromiso de Norvento polo desenvolvemento social, económico e industrial de Galicia, pero tamén do conxunto de España, xa que se estima que implicará uns investimentos de 521 millóns de euros, así como a xeración de 5.756 postos de traballo cualificados e de calidade entre directos, indirectos e inducidos.
O proxecto empresarial de Norvento para os próximos anos, pasa por impulsar a transición enerxética en España baixo un modelo de xeración limpo e descarbonizado, coa posta en marcha para 2026 de máis de 350 MW de xeración renovable, principalmente eólica. Estes investimentos, que superarán os 445 millóns de euros, irán para Norvento acompañadas dun forte impulso á tecnoloxía disruptiva e de vangarda no sector das enerxías renovables, grazas á reinversión dos beneficios obtidos polos seus parques eólicos, en equipos e solucións enerxéticas avanzadas, que alcanzarán os 62 millóns de euros.
Produtos de alto valor engadido e hidróxeno verde
Dentro da forte aposta da compañía pola tecnoloxía renovable, Norvento destinará 51 millóns de euros á construción dunha nova fábrica neutra en carbono e autosuficiente dirixida á produción de toda unha gama de produtos para a xeración e o almacenamento de enerxía. Esta nova instalación, denominada Fábrica Norvento Enerxía Cero e declarada recentemente pola Xunta de Galicia como “Proxecto Empresarial Singular”, situarase no Parque Empresarial As Gándaras, en Lugo, nas proximidades da sede corporativa. O inicio da súa construción está previsto para o segundo semestre de 2024.
Igualmente, Norvento poñerá en marcha un proxecto de hidróxeno verde nas inmediacións da súa sede Cinema, que supoñerá un investimento de 5 millóns de euros, e que consistirá na construción dun edificio anexo que aproveitará os excedentes de enerxía do complexo, para producir hidróxeno mediante electrólise. Con este hidróxeno, darase subministración ás necesidades da propia sede en momentos de baixo recurso renovable. Ademais, os excedentes inxectaranse na rede de gas da cidade de Lugo, grazas a un acordo que Norvento alcanzou con Nedgia, filial de distribución de gas de Naturgy, que se encargará de despregar a infraestrutura necesaria para a conexión á rede de gas natural.
Durante a visita a CIne, Alfonso Rueda puxo en valor o labor de Norvento “como empresa netamente galega, á vangarda en enerxías renovables”. O presidente da Xunta de Galicia incidiu na aposta da compañía por destinar “gran parte dos seus beneficios ao I+D+i, unha visión que posiciona a Norvento dentro da Galicia potente en renovables”. Igualmente, expresou o seu agradecemento ao proxecto presidido por Pablo Fernández Castro, como “empresa que quere crecer e investir desde Galicia, xerando miles de postos de traballo de calidade”.
Pola súa banda, Pablo Fernández Castro, presidente de Norvento Enerxía, sinalou que “Norvento é hoxe una das poucas compañías españolas da industria das enerxías renovables que actúa en toda a cadea de valor. Non só xeramos enerxía e provemos de solucións avanzadas para o autoconsumo, senón que contamos cun elemento único: deseñamos e fabricamos aeroxeradores e sistemas de almacenamento con baterías”. Igualmente, o presidente de Norvento fixo fincapé en que “O noso modelo de negocio permítenos reinvestir os beneficios que obtemos xerando electricidade nos nosos parques eólicos, para desenvolver produtos de alta tecnoloxía e xerar actividade industrial en Galicia, con investimento e emprego de calidade, facendo así realidade o noso soño de contribuír á independencia enerxética e tamén á tecnolóxica”.